Barriñas enerxéticas de dátil

Barriñas

Nin vos podedes imaxinar a de tempo que levo probando diferentes receitas de barriñas enerxéticas caseiras para levar cando saímos a correr tiradas longas polo monte. Téñoas probado con copos de avea, con chocolate, con mel, con aceite de coco, con froitos secos triturados e ata con glicerina vexetal!!!!

Así que creo que estou en disposición de anunciar que estas son as barriñas enerxéticas máis saborosas, nutritivas e efectivas que teño probado ata o día de hoxe.

Moitos dos que me ledes xa sabedes que teño unha cruzada contra o azucre refinado e tamén contra as anti-nutritivas barriñas enerxéticas comerciais e os xeles. A maioría dos deportistas cos que falo sempre comentan cousas sobre a cantidade de problemas que lles causan os xeles no estómago cando fan esforzos prolongados e os consumen. Normal, os xeles non están feitos para o noso estómago. Así que, para ir aportando o meu grao de area a esta cruzada, deixovos catro cousiñas que é importante saber sobre os dátiles e porqué son unha estupenda opción para os deportistas.

En primeiro lugar estas barriñas son xeniais porque a súa textura non é nin demasiado dura nin demasiado branda. Teñen o punto xusto que permite que se transporten ben pero que ao metelas na boca non esixen que teña un que masticar moito (cousa que se agradece cando un vai en competición).

E en segundo lugar, estas barriñas son unha chulada porque os dátiles teñen moitos hidratos de carbono pero dos bos, dos que o noso organismo asimila e transforma de xeito rápido en enerxía e non en graxa.

En terceiro lugar, os dátiles son ricos en B5 e triptófano o que axuda a sedar o organismo (menos estrés, nerviosismo, etc.) e a xerar melatonina (axudando a conciliar o sono mellor).

E finalmente os azúcares que teñen os dátiles son de fácil asimilación e vanse liberando pouco a pouco o que conleva dous efectos: un, que a sensación de saciedade dure máis e dous, que non producen un alto pico glucémico. Isto quere dicir que se estamos correndo non nos vai dar un subidón coma cos xeles, e pouco despois un baixón, senón que pola contra iremos notando como se incrementa a nosa resistencia e poderemos correr durante máis tempo.

Ala, xa o sabedes. Agora o que lle queira dar ao dátil que o vaia mercando. Aquí vos deixo a receita.

Barriñas enerxéticas de dátil

Ingredientes

  • 350 gr de dátiles sen óso
  • unha presa de améndoas picadas
  • unha presa de noces troceadas
  • unuha presa de avelás picadas
  • 1 culler sopeira de cacao en pó
  • 1 culler sopeira de canela en pó
  • coco relado para empoar

Elaboración

  1. Poñer no vaso da Thermomix os dátiles sen óso, a canela e o cacao e triturar ata formar unha pasta (aproximadamente 1 minuto en velocidade 10).
  2. Coas mans molladas, retirar a pasta de dátiles da Thermomix e estirala coas mans sobre a mesado da cociña.
  3. Empoar coas améndoas, as noces e as avelás e amasar todo coas mans humedecidas ata que quede ben amalgamado.
  4. Estirar a masa sobre un papel de cociña (de altura que leve o grosor dun dedo máis ou menos) e darlle forma rectangular.
  5. Empoar con coco relado.
  6. Tapar toda a mestura co resto do papel de forno e gardar na neveira durante unha hora aproximadamente.
[box type=”tick” icon=”none”]
  • Eu merco os dátiles no Gadis, nas Tres Farolas en Ortigueira ou cando vou a Coruña no Corte Inglés.
  • A variedade que máis me gusta é a Medjool porque os dátiles son moito máis carnosos.
  • Para transportalas e que non se peguen eu envolvinnas primeiro en papel de forno e logo no papel de aluminio. Aguantaron moi ben ir na mochila de hidratación mentres corríamos polo monte.
  • Son ideais para tomar algo sano e nutritivo durante un esforzo deportivo prolongado (carreiras de fondo ou de montaña).
  • Pódese usar calquera froito seco, froita fresca ou deshidratada.[/box]
[box type=”info”]Receita orixinal da que tomei a idea: The Raw Boy español[/box]

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*