Empanada vexetal


As empanadas encántanme pero lamentablemente son poucas as panaderías que teñen unha que non sexa de bonito, zorza, bacallau… Así que cando nos fixemos vexetarianos, non nos quedou máis remedio que facer a nosa propia empanada na casa.

Ás veces teño feito o recheo e despois téñoo levado a unha panadería para que mo cozan no forno. As panaderías que atopei ata o de agora parecéronme un pouco caras, pero hoxe estiven indagando e vou facer outra proba con outra panadería da zona. Se sae ben xa vos conto sobre prezos, calidade, etc.

Que saibades que nas Olimpíadas rurais de Couzadoiro comín outra empanada vexetal que fixo a miña amiga Ingrid que estaba para chuparse os dedos. A súa levaba berenxenas. A ver se se anima a compartir a receita ;).

Ingredientes

Para o recheo

1 bandexa da champis laminados (250 gr aprox)
2 cebolas grandes
2 dentes de allo
2 cenorias reladas
Medio calabacín
4 tomates maduros ou 350 ml de salsa de tomate fritido caseira
Pementa negra
Sal ao gusto

Para a masa:

180 gr de aceite de oliva
180 gr de viño branco
600 gr de fariña de repostería
1 culler de postre de sal

Elaboración

Para a masa

1) Poñer todos os ingredientes na Thermomix e mesturar 20 segundos a velocidade 6. Retirar a masa do vaso, formar unha bola e deixala repousar durante 1 hora cuberta con papel de film.

Para o recheo

1) Nunha tixola poñer un fondo de aceite de oliva  e cando este quente agregar a cebola e o allo ben picadiños. Dourar ata que a cebola estea medio transparente e brandiña. (entre 7 e 10 minutos).

2) Logo engadir os champis, as cenorias reladas e o calabacín picado en dadiños pequenos. Refogar todo xunto durante 5 minutos.

3) Agregar o tomate pelado e cortado en dadiños. Deixar que vaia cocenco a lume lento na tixola polo menos uns 20 minutos- media hora. Ata que a mestura teña aspecto de salsa de tomate.

4) Agregar pementa negra e sal ao gusto. Remexer e retirar a mestura do lume. Deixala arrefriar.

5) Unha vez fría a mestura, xa se pode volcar na base da empanada.

Para facer a empanada, dividir a masa en dúas partes e usar a máis grande como parte de abaixo e a máis pequena como parte de arriba. Estender a masa e colocar sobre dela o recheo frío. Cubrir coa outra capa de masa e presionar ben os bordes para que quede ben selado.

Pincelar con ovo batido por riba e posteriormente facer furados cun tenedor na superficie da empanada para que non suba cando a metamos no forno.

Meter no forno prequencido a 200 graos durante aproximadamente 30 minutos.

Notas

Hai que facer uso desta masa no momento, non admite conxelación.

Non se vos ocurra usar tomate de bote Solís para facer a salsa do recheo… non se parecerá en nada a unha empanada caseira.

Para pincelar tamén se pode usar leite de soia en lugar de ovo.

Fonte

Receita orixinal: libro Imprescindible de Thermomix, páxina 66. O recheo é un invento cutre meu 🙂

4 Comments

  1. Espectacular, aínda que eu vou probar con menos ingredientes.

    • Graciñas! Podes probar tamén con castañas e noces, agora que ven o tempo. Quedan moi ben. Iso si, hai que botarlle ben cebola para que queden caldosiña a mestura.

  2. Moi boa, a ver si damos a talla próximo viernes.

    • Por suposto que si Marisa. Ese recheo de empanada que fas está para chuparse os dedos e estou segura de que vai impresionar a todos os asistentes á Lacón Network de este venres 27 de maio/2016.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*