Hamburguesas de avea e soia

Estas hamburguesas son moi sinxelas de facer. Case non leva nada preparalas e non requiren de tempo de repouso nin nada similar. Pódense acompañar co pan caseiro para hamburguesas que fixen aquí ou con pan brando da tenda, un chisco de leituga, algo de queixo e un pouco tomate. Últimamente tamén me estou afecionando a poñerlle chimichurri ás hamburguesas.

Ingredientes

Para 4 hamburguesas

  • 50 gr de soia texturizada fina
  • 2 tomates secos (deshidratados)
  • 150 ml de auga
  • 50 gr de copos de avea
  • 1 culler sopeira de tomate frito
  • 1 dente de allo
  • 50 gr de cebola
  • un chisco de sal marina
  • 3 culleradas sopeiras de aceite de oliva
  • 1/2 culler de café de fume líquido

Elaboración

  1. Quentar a auga cos tomates dentro. Cando comece a ferver, apagar o lume e deixar repousar de 5 a 10 minutos.
  2. Retirar os tomates e verter na auga aínda quente a soia. Agardar a que a soia absorba toda a auga.
  3. Agregar os copos de avea, o tomate frito, o allo e cebola (picados moi finos) e o sal. Amasar ata formar unha bola moldeable.
  4. Repartir a masa en catro montóns e darlle forma de hamburguesa coas mans.
  5. Mesturar o fume co aceite e pincelar con esta mestura as dúas caras de cada hamburguesa.
  6. Pasar pola prancha ou pola sartén ata que a superficie estea douradiña..
  • Eu non tiña fume líquido así que usei fume en pó e queda ben. Mellor é en líquido pero pódese apañar un co fume en pó. Dalle un toque afumado moi rico.
  • O pan da hamburguesa fíxeno con esta receita.
  • A hamburguesa acompáñoa con tomate, leituga, unha loncha de queixo, pepinillos e ocasionalmente maionesa ou ketchup.
  • Esta hamburguesa queda moi rica, sacia moito e queda máis consistente que outras das que teño feito con avea. Moi recomendable.
Receita orixinal: Vegetal y tal

P.D. Tentei facer uns chips de cenoria ao forno para acompañar pero foi un auténtico fracaso. 🙂 Quedaron brandos e paseime co sal vinte pobos.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*