Manteiga vegana


Volta das vacacións e moitas receitas testadas e probadas para subir ao blog para que non se me esquezan.

Hoxe arrinco setembro con este fantástico descubrimento: a manteiga vegana. Atopei a receita nun libro que merquei antes do verán (deixovos a recomendación na parte de abaixo desta entrada) e quíxena probar.

Parece increíble que se poda lograr unha textura tan similar á mateiga e un sabor tan parecido a moitas manteigas sen ningún tipo de ingrediente de orixe animal.

Quedei contentísima co resultado. Está requetesaborosa 😉

Pódese usar como manteiga normal para untar en tostadas con marmelada ou para reemplazar a manteiga tradicional en calquera preparación. Para o único que non serve é para derretela e facer frituras porque nese caso concreto o resultado non é moi bo.

Se vos animades a facela contádeme que tal vos queda.

Ingredientes

1 culler de postre de lecitina de soia granulada
150 ml de leite de soia
1 culler sopeira de leite de soia en pó
1 culler de postre de sal fina
140 ml de aceite de xirasol
1/2 culler de postre de goma xantana
2 culleres de postre de levadura de cervexa
200  ml de aceite de coco derretido

Elaboración

1) Moer nun morteiro a lecitina de soia.

2) Nun robot de cociña (eu uso a Thermomix), poñer todos os ingredientes excepto o aceite de coco e agregar a lecitina de soia moída. Mesturar ben ata que todos os ingredientes estean ben unidos.

3) Coa Thermo en marcha, engadir de xeito paulatino o aceite de coco derretido. A mestura espésase prácticamente ao instante.

4) Sacar a mestura para un “tupper” e meter na neveira para que endureza.

Notas

Consérvase durante unha semana mais ou menos.

Os ingredientes empregados poden parecer un pouco raros así de primeiras, pero son relativamente sinxelos de localizar. A maioría duran moito e pódense ter pola casa en plan “fondo de armario”.

Cóntovos onde atopei eu cada cousa:

– Lecitina de soia en granos: no Gadis de Ortigueira

– Goma Xantana: na tenda online El cocinista.

– Leite de soia en pó e aceite de coco: na Ecotenda de Ferrol.

– Levadura de cervexa: en Marem en Ortigueira ou en calquera herboristería, tenda de dietética ou Alcampo, por exemplo.

Ingredientes necesarios para esta receita

Fonte

Receita orixinal: do libro “Mi primer libro de cocina vegana” de Sue Quin

O libro merece moito a pena e recoméndo mercalo para disfrutar da súa coidada edición. Eu merqueino na casa do libro e costoume no seu día 22,90 €. As fotografías son de Victoria Wall Harris e son preciosas. Fan que todo pareza moi apetecible.

Extracto do libro “Mi primer libro de cocina vegana” de Sue Quin con fotos de Victoria Wall Harris.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*