Pan de cabaza

Pan de cabaza

Hai un tempo compartín neste blog a miña cacharrada de cociña entre a que se atopa a panificadora que uso case a diario. Naquela entrada explicaba porque elexín a panificadora SANA e tamén comentaba que a súa eiva principal é que case non hai receitas que un poda coller de internet xa adaptadas a esta panificadora.

De modo que a partires de agora tratarei de compartir máis receitas adaptadas para esta panificadora por se a alguén lle resultan de utilidade (e para lembrame eu delas que senón cando as quero volver facer non me lembro das cantidades nin da programación 🙂 ).

A de hoxe é unha adaptación á miña panificadora da receita de pan de cabaza que vin no blog de Laurel y Canela.

Ingredientes

  • 200 gr de cabaza en puré
  • reladura de 1 limón
  • 2 culleres sopeiras de mel
  • 500 gr de fariña de forza
  • 1 sobre de levadura de panadería seca
  • 200 ml de auga tépeda
  • 1 culler sopeira de leite de soia
  • 1 chisco de sal

Elaboración

  1. Para preparar o puré de cabaza, cortala en anacos pequenos e cocer ao vapor ou no microondas cortada en anacos pequenos durante 6 minutos.
  2. Nun bol mesturar o mel co puré de cabaza e a reladura de limón.
  3. Na cubeta da panificadora poñer a auga, a mestura anterior, o sal, a fariña tamizada e a levadura.
  4. Programar a panificadora Sana coa seguinte configuración: Knead: 3 minutos/P4, Rise 1: 1:20 a 27 graos, Bake 1: 1:00 a 210 graos, Bake 2: 30 minutos a 190 graos. O resto de opcións deixalas en off.
  5. Cando pase a fase de amasado e o primeiro levado, abrir a panificadora e pintar cun chisco de leite vexetal e agregar pipas de cabaza pola superficie. Deixar que continue o programa da panificadora.
  • Para facer que sexa máis sinxelo sacar o pan da cubeta da panificadora unha vez rematado de cocer, o que fago é, logo do amasado, retiro a masa da cubeta, retiro as palas de amasar, pringo con aceite a cubeta, doulle forma á masa e volvo metela na cubeta.
  • Outro truco para que saia máis fácil da cubeta é deixar que enfríe ben antes de tentar desmoldar.
  • Tamén probei a facer esta mesma receita coa metade de cabaza e a outra metade de cenoria.
Receita orixinal: Laurel y Canela.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*