Peixe vegano

Peixe vegano

Quedei encantada co curso de cociña vegana que fixen na tenda lucense Bico de Grao hai unhas semanas. Alí o chef “Paco” ensinounos moitas cousas interesantes e sinxeliñas, como a min me gusta.

Unha das que máis me sorprendeu foi esta receita de peixe vegano ou “pescaíto frito” como lle chamou el. É extremadamente sinxela, resultona e sorprendente para todos os padais.

Cando a fixen na casa, algún flipou porque pensou que estaba a cociñar peixe de verdade despois de tantos anos sen facelo. Tiñades que ver a cara de sorpresa, pero é que de verdade ulía tanto a mar…

Aos puristas xa vos advirto que todo parecido co peixe animal é pura coincidencia. Non agardedes atopar neste prato a xugosidade dunha dourada ou o perfume dunha sardiña. Simplemente é unha alternativa sen sufrimento para degustar un prato de aire mariñeiro con moi bo sabor, lixeiro e con grandes propiedades a nivel nutricional (sobre todo polo seu alto contido en proteínas e fibra).

En Galicia temos un excelente produtor de algas que é Porto Muíños, onde podedes atopar esta alga nori e moitas outras.

Para explicar un pouco mellor como se fai esta receita, deixovos este pequeno vídeo explicativo. Agardo que vos sexa de utilidade.

Ingredientes

  • Láminas de alga nori
  • Cabaciña
  • Sal
  • Fariña de garabanzos
  • Auga
  • Aceite de xirasol para fritir

Elaboración

  1. Cortar a cabaciña en láminas finas.
  2. Botar sal por riba das láminas de cabaciña e enrolar nunha lámina de alga nori. Sellar ben para que non se desfaga o paquete.
  3. Preparar nun prato unha mestura densa de fariña de garabanzo e auga. Pasar o paquete de alga nori por esa mestura como se se tratase de ovo.
  4. Noutro prato colocar fariña de garabanzo e rebozar o paquete de alga nori nel ata que quede ben empanado.
  5. Fritir nunha tixola con aceite de xirasol uns 5 minutos ou ata que quede a fariña ben tostada.
  6. Escoar ben e deixar nun papel de cociña para quitar o exceso de aceite.
  • Pódese acompañar cun toro de limón, maionesa ou veganesa e patacas cocidas.
  • Para dar un toque de sabor a ovo, empregar sal Kala Namak.
  • Son para comer no momento. Non quedan tan ricos de un día para outro.
Receita orixinal: do curso de cociña vegana que fixen en Bico de Grao.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*