Revolto de algas

Son moitas as veces que me preguntan cómo uso as algas na cociña. Cecais moitos pensades que son complexas de usar ou que requiren dun tratamento previo. Nada máis lonxe da realidade.

Eu usoas deshidratadas pero para ceas rápidas ou para un plato exprés tamén uso algas envasadas ao natural ou con picante.

Así que aquí deixo unha idea de cómo usalas nun revolto tradicional.


Ingredientes

2 ovos
1 lata de algas espagueti de mar ao natural
Pementa negra




Elaboración

1) Poñer unha tixola ao lume cun chisco de aceite.

2) Bater os ovos e agregarlles un chisco de sal e de pementa negra.

3) Abrir a lata e volcar as algas na tixola. Seguidamente volcar os ovos batidos.

4) Remexer constantemente durante 2 minutos ou ata que queden callados os ovos.

5) Torrar algo de pan e servir como acompañamento.

Notas

Ás veces para darlle un punto máis cremoso ao revolto engádolle un chisco de leite vexetal ou de crema de soia.

As algas que máis me gustan son as de Mar de Ardora (4,20 €) e as de Portomuíños (3 €), nesa orde.

A variedade picante de Mar de Ardora está moi boa e non pican demasiado, só lle dan un aire.

En Ortigueira podedes atopar algas de Mar de Ardora na carnicería O Salgueiro. As de Portomuíños deshidratadas hainas no Gadis e as envasadas merqueinas na Ecotenda78 da Rúa Venezuela en Ferrol, no barrio de Ultramar.

Fonte

Receita orixinal: pois non sei, revolver uns ovos e agregarlle unhas algas supoño que é unha receita patriomonio da humanidade :).

 

Un comentario

  1. Pingback: Sopa fría de cogombro – Contidos Vexetais

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*