Tortilla de pataca vegana

Tortilla vegana

Xa era hora de ter unha receita veganizada da clásica tortilla de pataca que tanto nos gusta nesta casa. Estiven probando varias e a que mellor resultado me deu ata o momento é a de Sun & Veggies. Se vos animades a preparar unha, outra receita que ten unha pinta estupenda é a da tortilla de pataca vegana de Mute food.

Pasou o corte con nota na casa e ata foi nun papel de aluminio a unha cata fóra da casa. O resultado foi unánime: estaba moi boa e ademáis da o pego e está á altura de calquera tortilla de patacas das que nos dan por ahí de tapa. Nada que envexarlles.

Agora só me falta facela poñéndolle uns taquiños de calabizo polo medio…

Alguna que outra xa me saiu mal, así que se tes dúbidas sobre cómo facer esta tortilla, pregunta sen medo ;).

Ingredientes

  • 3 patacas grandes
  • 1 cebola grande
  • Aceite de oliva e sal
  • 38 gr de fariña de garabanzo
  • 1 culler sopeira de maicena
  • 145 ml de auga (ou 100 de auga e 45 ml de leite de soia)
  • 1 tomate maduro pequeno ou dúas culleres sopeiras de salsa de tomate
  • 1/4 de culler de postre de sal kala Namak
  • 1/8 de culler de postre de cúrcuma en pó

Elaboración

  1. Poñer unha tixola con abundente aceite ao lume.
  2. Pelar e cortar as patacas para tortilla e agregalas á tixola cando o aceite estea quente.
  3. Mentres picar a cebola moi fina e agregar á tixola das patacas.
  4. No que se fan as patacas coa cebola, preparar a mestura que simulará o ovo mesturando todos os ingredientes (a fariña, a maicena, a auga, o tomate, o sal e a cúrcuma) nun bol e batendo cunha batedora.
  5. Cando as patacas estean feitas, escoar ben para retirar o aceite e volcalas no bol co líquido e mesturar ben.
  6. Retirar o exceso de aceite da tixola e volcar a mestura e deixar a lume baixo e tapada durante 5 minutos.
  7. Pasado ese tempo, virala e deixala outros 4-5 minutos.
  • Queda moito mellor se se deixa enfriar un pouco antes de consumila.
  • O sal kala Namak ten moito ferro e un pronunciado sabor a ovo. Cando o mestures ulirá como a ovo podrido pero é normal. O sabor final será moi bo igualmente.
  • O truco está en non mover a tortilla ata que estea ben callada por un lado para que non se desfaga.
Receita orixinal: Sun & Veggies.

Aquí vos deixo unha vista da tortilla ao corte.

Corte da tortilla de pataca

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*