Tortiñas de millo miúdo e algas wakame


Esta receita está sacada do libro Cociñar con algas de Eva Crespo. Recomendo compralo porque non ten desperdicio: comida sana, con algas de Galicia, con unha boa fotografía, escrito en galego e cunha coidada edición.


Ingredientes

250 gr de millo miúdo (mijo)
1/2 litro de auga
1 cebola picada moi miúda
1 dente de allo esmagado
1 ovo
2 culleradas sopeiras de xerme de trigo
2 culleradas sopeiras de alga wakame
Aceite de oliva e sal

Elaboración

1) Lavar ben o millo debaixo do grifo e poñelo nunha pota a cocer co 1/2 litro de auga con sal ao gusto. Cocer durante 20 minutos, coa tapa posta e a lume moi baixo unha vez que ferva.

2)  Facer un refrito coa cebola picadiña, o allo e as algas wakame sen remollar nin nada. Botalas tan cual veñen deshidratadas e cortadas en anaquiños pequenos.

3) Cando a cebola estea dourada, mesturar co millo, co ovo e coas culleradas de xerme de trigo. Remexer ben ata que quede todo ben integrado.

4) Coas mans humedecidas en auga, ir formando pequenas tortiñas e fritilas nunha tixola con abundante aceite.

Notas

A alga wakame non fai falta rehidratala. É mellor cortala en anacos moi pequenos para que quede ben distribuída por toda a tortiña.

Pódense conxelar.

Acompañalas dunha ensalada de tomates e aguacate, ou de leitugas variadas. Vaille tamén ben unha salsa de iogur. 

O millo miúdo non contén gluten, así que o poden consumir as persoas celíacas.

Fonte

Receita orixinal: Libro Cociñar con algas de Eva Crespo.

4 Comments

  1. O xerme de triginsi que ten gluten asi que non e apto para celíacos.

  2. Despois de cocido o millo miudo será ben escoalo e deixalo enfriar antes de engadirlle o refrito ?

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*