Onte na farmacia comentábanme que ás veces ao mellor non vos animábades a facer as receitas porque os ingredientes eran raros. Por iso, para hoxe escollín unha receita moi sinxela con ingredientes que podedes atopar sen saír de Ortigueira.
Trátase dun “falso” batido verde. E digo falso porque o verdadeiro batido verde só leva auga, froita e verdura. Neste caso metinlle iogur (no vídeo xa vos puxen o de vaca, para que non me poñades excusas de que non atopades iogures de soia) proque para os que non estades moi afeitos a comer verduras crúas é un xeito sinxelo de comezar a habituar o voso padal.
Eu tómoo ás veces pola mañá no almorzo ou a media mañá cando me entra fame.
Probádeo de verdade. Queda delicioso e aporta moitas vitaminas e nutrintes que nos fan falla para afrontar o día con enerxía.
Xa estiven experimentando un pouco máis co tema dos vídeos e creo que este xa saiu un pouco millor. Agardo que vos resulte práctico.
Ingredientes
- 1 mango maduro
- 1 anaco de xenxibre
- 1 iogur natural sen azucre
- 1 pera
- 1 limón
- un puñado de follas de espinaca frescas
- 500 ml de leite de améndoas
Elaboración
- Pelar o xenxibre, o mango, a pera e o limón (quitándolle toda a parte branca).
- No vaso da thermomix agregar as espinacas, o mango, a pera e o limón pelados, o iogur, o xenxibre e 500 ml de leite de améndoas.
- Triturar todo a velocidade 10 durante 1 minuto.
- Eu uso iogur de soia caseiro para este batido e queda moi ben tamén.
- Pódese gardar na neveira dun día para outro ben tapado.
- Admite outras froitas como piña ou melocotón.
P.D. Teríades que ver a que liei para facer as tomas do vídeo… Mi madriña parecía que pola cociña pasara un tornado!!!