Xa hai tempo, Kike de Couzadoiro trouxome unha excelente fariña de millo ecolóxico. Así que me puxen a buscar que preparación facer con ela, xa que non é que teña eu moita práctica en cociñar con este tipo de fariña que é un pouco máis delicada de traballar. E atopei esta receita de boliños de millo e arroz aptos para celíacos que son ben sinxeliños de facer.
Aquí vos deixo a receita.
Ingredientes
- 120 gr de fariña de arroz
- 120 gr de fariña de millo
- 1/2 culler de postre de bicarbonato de sodio
- 1/2 culler de postre de sal
- 2 culleres sopeiras de liño moído ou chía
- 1/2 culler de postre de zume de limón
- 360 ml de auga
- aceite de oliva
- Sementes de papoula ou sésamo
Elaboración
- Prequencer o forno a 230 graos e forrar unha badexa con papel de forno.
- Mesturar todos os ingredientes secos nun bol.
- Noutro bol, mesturar o aceite co zume, e o liño/chía coa auga. Deixar repousar.
- Pasados 10 minutos, agregar os ingredientes secos á mestura líquida.
- Darlle forma aos boliños e colocalos na badexa para meter ao forno pintando cada boliño cun chisco de aceite e esparexer unhas poucas sementes de papoula/sésamo.
- Meter no forno durante aproximadamente 15 minutos.
- Quedan brandos por dentro e duros por fóra.
- Van xenial para abrilos pola metade e meterlles marmeladas ou queixo.
- A mestura das masas pódese facer na Thermomix.
- Aguantan moi ben o paso dos días. Non perden frescura.