Brownie en taza ao micro

Na casa son a lambona number one e os biscoitos ou os fago eu, ou non aparecen nunca pola casa. E claro, ás veces non hai porque facer un biscoito enteiro para unha… como que é moito.

Así que sempre andiven á procura de algo que permitise facer un biscoitiño pequeno, un pecadiño minúsculo, unha cousiña que se desfixese baixo a lingua… jejejeje. E nesa procura din coas mug cakes ou biscoitos en taza ao micro. A verdade é que a experiencia foi sempre malísima: biscoitos secos, queimados, insípidos, etc. Pero todo cambiou o día que atopei a páxina de Gemma de Bigger Bolder Baking. Ese día!!! Ese día glorioso no que por fin din cun biscoito exprés polo que paga a pena pecar.

Creo que teño feito esta receita unha morea de veces para min e para outros. E todas elas o resultado foi excelente e sempre gustou. Así que, se estás desencantado co mundo dos biscoitos oa micro… faime caso e proba esta sinxela receita.

Ademáis ten o plus de que é vegana. Chea de azucre, si, pero vegana :).

Agardo que a desfrutedes e que se o facedes me digades que vos pareceu e se vos saiu ben ou lle engadíchedes algunha mellora… estarei encantada de probar as vosas variacións :).

Dentro receita.

Ingredientes

  • 3 culleradas sopeiras de azucre branco ou moreno
  • 3 culleradas sopeiras de fariña normal ou de forza
  • 3 culleradas sopeiras de cacao en pó
  • 3 culleradas sopeiras de aceite de oliva
  • 3 culleradas sopeiras de auga
  • Unha culler de postre de vainilla líquida
  • Pizca de sal
  • Pepitas de chocolate (opcional)

Elaboración

  1. Mesturar todos os igredientes agás as pepitas de chocolate nunha taza.
  2. Por último agregar as pepitas e remexer lixeiramente.
  3. Meter no microondas a 800 W, 2 minutos.
  4. Retirar e deixar que arrefríe durante 5 minutiños.
Recomendacións
  • Ideal como ración para un cando hai un caprichiño doce e ninguén máis quere biscoito.
  • Queda ideal servido cunha boliña de xeado por riba.
  • Levoo feito mil veces e sempre queda perfecto :).
Receita orixinal: Bigger Bolder Baking.

Aquí vos deixo unhas fotiños de como queda para que vexades que non minto 🙂

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*