Cacharrada de cociña


Ás veces fago un prato ou un doce e preguntádesme que “cacharro” utilicei. Así que para explicar todo o que uso, hoxe preparei esta entrada na que explico toda a cacharrada que uso e para qué me serve cada cousa.

 

1) Thermomix

 

Imprescindibel na miña cociña. A Thermomix é un robot de cociña que corta, tritura, bate, remexe e quenta os alimentos. Non cociña por ti senón que, para entendernos, funciona como unha batedora pero con moitas máis funcións e a posibilidade de cociñar os produtos.

Uso este “cacharro” para centos de elaboracións pero resultame especialmente útil para elaborar todo tipo de salsas, comidas ao vapor e preparacións que precisen de triturar cousas a gran velocidade e con moita potencia, como o xeado de plátano ou as bases de dátiles e froitos secos que uso para algunhas tartas. Tamén amasa pan e son incapaz de facer o roscón de reis se non teño á miña queridísima Thermo.

2) Iogurteira

 

Este aparatiño úsoo para facer os iogures vexetais. Mantén durante 8, 9 ou 10 horas a temperatura a 45 graos que é o necesario para facer que callen os iogures. Resulta moi cómoda porque podo preparar o líquido pola noite, deixoo metido na iogurteira toda a noite e pola mañá xa teño os meus iogures listos e preparados.

Límpase moi fácilmente e os recipientes de cristal que trae para os iogures permiten facer unha presentación bonita cando os sirvo na mesa.  O meu modelo é este.

 

3) Spiralizer

Este aparatiño úsoo para facer “espaguetis vexetais”. Sirve para cortar cenouras, calabacíns ou produtos similares en espirais con forma de pasta. Con el fago receitas como esta. Este é o meu modelo.

Hai outro modelo máis aparatoso e complexo, pero este funciona bastante ben e ocupa moi pouco espazo na cociña. O único defecto é que os calabacíns que se usen con este spiralizer teñen que ser dun grosor determinado para que entren polo bocal.

 

4) Aparello para facer flocos de millo (“palomitera”)

 

Encántanme os flocos de millo caseiros e agora que descubrín este práctico aparello de Lékué… xa non teño excusa para non facelos.

Fanse sen aceite e en só 3 minutos no microondas a máxima potencia. O bol prégase para gardalo e pódese lavar no lavalouzas. Leva unha pequena tapa transparente de plástico para evitar que os flocos de millo acaben todos ciscados polo micro.

A miña receita favorita é a de flocos con parmesano relado e pimentón doce. Tamén me encantan doces cun pouco de azucre glas e canela.

 

5) Pedra de forno

O de usar unha pedra no forno contáronmo nun curso para aprender a facer pan caseiro, que fixen online na escola de cociña de Babette. E dende que a uso, non hai color na calidade do pan. Queda moito máis crocante e ben feito. As pizzas finas quedan como se as meteses nun forno de leña.

A miña é este modelo de El Amasadero.
Para usar a pedra, hai que metela no forno cando se comeza a prequecer e ila quentando pouco a pouco. Unha vez que o forno acada a temperatura axeitada, xa se poden poñer as masas directamente sobre a pedra.

Para enfriala hai que facelo paulatinamente porque se hai un cambio brusco de temperatura pode rachar.

Mánchase un pouco ao cociñar. Para limpala basta cun pano lixeiramente humedecido (sempre cando estea fría). Non se debe usar xabrón nin rasquetas.

Pódese reemplazar por unha peza de granito do tamaño do forno, pero se é moi gorda, tarda moito en coller temperatura.

 

6)  Panificadora SANA

 

Esta panificadora é un dos mellores “cacharros” que teño na miña cociña. Antes de ter esta panificadora tiven outra e fixen tamén moito pan a man. Así que cando se me estropeou a vella, fixen un montón de búsquedas e investiguei todas as panificadoras que puiden para atopar a definitiva.

O meu modelo merqueino na tenda online de Conasi: http://www.conasi.eu/panificadoras/984-panificadora-sana.html

É unha panificadora excepcional porque:

– non ten teflón no molde; o molde é de aceiro inoxidable.

– permite regular todos os parámetros en calquera programa (temperatura, duración e intensidade).

– ten unha forza de amasado tremenda polo que a fase de amasado dura só 3 minutos. Isto permite que poda esperar a que remate o amasado para retirar as pas antes do levedado e da cocción. Así é máis sinxelo desmoldar o pan e tamén queda mellor porque non se lle fai o furado das pas na base. Coas outras panificadoras, que tiñan menos forza de amasado, había que facer un primeiro amasado, levedar e depois un segundo amasado e ás veces ata un terceiro. Duraba tanto tempo que non ía estar eu mirando para a panificadora ata que rematase para quitar as pas. Así que ao final saía un pan coas pas chantadas e difícil de desmoldar.

– permite desactivar os sons. A anterior panificadora emitía un estridente pitido cada vez que cambiaba de fase, engadía sementes ou finalizaba. Con esta nova panificadora, se a deixo por exemplo pola noite, podo silenciala para que non emita pitidos.

– é moito, moito, moitísimo máis silenciosa que a anterior panificadora que tiña, Pódese poñer perfectamente pola noite porque apenas fai ruido.

– ten luz interior. Moi útil para ir vendo a evolución do pan.

– e o máis importante: permite facer pan con masa madre. Permite incluso elaborar a masa madre. Isto débese a que permite ciclos de fermentación personalizados moi longos (de ata 60 horas!!) a temperaturas totalmente personalizadas desde os 20 graos ata os 230. Esta posibilidade non a teñen as outras panificadoras convencionais do mercado porque os programas son estancos e cunhas funcións de calor e duración preestablecidas.

– permite incluso establecer varios ciclos de forno dentro do mesmo programa. Por exemplo, que coza 20 minutos a 180 graos, e posteriormente 35 minutos a 150 graos. Todo automatizado.

– leva unhas tapas de cristal que gardan a humidade do pan mellor e permiten que se empregue menos tempo na súa cocción.

– como permite regular moi ben as temperaturas, pódense facer iogures e mermeladas tamén nela.

Coas anteriores panificadoras era case imposible sacar un pan de centeo integral decente e ademáis tiña que usar levadura química. Con esta panificadora, grazas ás súas características de amasado e fermentado, podo facer un pan de fariña integral de centeo 100% con masa madre cun resultado excelente. Este é un dos pans que máis ricos quedan con esta panificadora: https://youtu.be/RCZ6eyfgpUQ

7) Utensilios varios

Na cociña teño tamén unha pila de cacharrada que non é imprescindible pero que me facilita moito o traballo e axuda a que as cousas saian mellor ou queden mellor presentadas.

Comezando de arriba a abaixo e de esquerda a dereita, temos o recipiente para decorar con salsas, semisólidos ou chocolate fundido. Este cacharro de Lékué é herencia do meu amigo Marco e agora úsoo un montón porque ten dúas bocas: unha ancha e outra estreita e faime moito apaño para facer fíos decorativos sobre as tartas ou pans doces sen manchar case nada. Como todo o de Lékué, límpase moi ben.

Logo está a rasqueta ríxida de panadeiro. Úsoa para despegar da mesa de amasado os pans que teñen a masa moi líquida, para cortar porcións de masa e dividir boliños e axúdame a bolear masas moi líquidas ou pegañentas.

A seguir está a coitela de greñar. Úsoa para facer cortes moi precisos na superfice do pan antes de metelo no forno. Leva unha coitela moi afiada e fai un corte máis limpo e preciso que o que se pode facer cun coitelo.

Debaixo da coitela de greñar está o medidor de culleres e culleres de postre. Uso sempre este para non ter que andar medindo a ollo canto leva unha culler pequena e canto media. Así é máis preciso.

A carón están as dúas pas brancas de panadeiro. Unha é dura e a outra branda. Serven para amasar o pan. Costan 2 ou 3 euros.

E finalmente teño a pa de alisar que uso para as coberturas de tartas, para que queden perfectamente alisadas. Tamén o uso para meter polos bordes dos moldes e desmoldar con maior facilidade.

Para o pan e outros usos teño aínda máis produtos que enumero a continuación:

  • grella para arrefriar pans e pasteis, para que non queden húmidos pola parte de abaixo. Este é o meu modelo.
  • termómetro para o forno para saber exactamente qué temperatura hai dentro, xa que ás veces o que marca non se corresponde. Esté é o que eu uso.
  • banneton para poñer a levedar o pan caseiro. Este tipo de recipiente, evita que a masa se pegue, incluso aínda que sexa unha masa moi líquida e axuda a darlle unha forna máis xeitosa de cara a meter o pan no forno. Teño este modelo de medio kilo e este outro para os pans de kilo.

8) Gofreira ou wafflera

 

 

 

 

 

 

 

 

Quéntase nun plis e fai uns gofres para o almorzo estupendos. Eu úsoa para facer estos gofres de avea.

O seu prezo non é excesivo e non se engraxa nin se ensucia. Un gofre tarda en facerse de 4 a 7 minutos dependendo da masa que se use.

Non serve para familias numerosas xa que fai só un gofre de cada vez e un gofre da só para almorzar unha persoa. Se a vas usar para un almorzo de moita xente, xa te podes ir erguendo con antelación 😉

O seu prezo ronda os 20 euros.

 

 

 

9) Planificador de menús

Unha das cousa que máis chama a atención á xente que pasa pola miña casa é o sistema de menús que temos. Miña nai e meu pai sempre traballaron así que, de toda a vida, na miña casa facíase a compra só un día á semana. Planificábase un menú equilibrado e mercábase todo o preciso para elaborar as comidas e ceas correspondentes.

Así que eu son herdeira deste sistema e sempre que podo trato de planificar semanalmente os menús porque me parece que é unha forma máis equilibrada de organizar un menú saudable e organizado. Ademáis aforra moitísimo tempo e quebradeiros de cabeza.

Miña nai, coñecedora de que non me gusta gastar papel, creou para min este “menuseiro” que está feito con tela de pizarrra. Así que podo escribir o menú para cada día con tiza directamente sobre a tela e borralo como se fose un encerado. Na parte esquerda leva os días da semana e está dividido en dúas partes comidas á esquerda e ceas á dereita. Téñoo colgado no corcho na cociña para poder consultalo sempre que o precise.

Sempre ando á procura de ideas para melloralo, así que, se fas algún mellor ou diferente, compárteo conmigo neste blog 🙂 Encataríame ver novas ideas.

Por suposto teño centos de moldes para biscoito, para magdalenas, para bombóns, para xeados, etc. pero penso que na entrada recollín aqueles polos que máis me preguntan. Se tes curiosidade por algunha outra cousa en particular, non dubides en indicarmo e engadireina a este listado que vai estar en continua expansión.

Se necesitas máis información de calquera dos produtos ou sobre o seu uso, estou ao teu dispor ;).

 

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*