Paella de Ingrid

Cando a pandemia arrecia, sempre é benvida unha idea como a que tivo a miña amiga Ingrid: cociñas online :). Un sábado propúxome guiarme a través de videoconferencia para facer esta paella primaveral e totalmente vexetal mentres ela elaboraba a súa propia.

Paseino moi ben e aprendín moitas cousas sobre cómo facer unha boa paella e como deixala no seu punto. Así que, como non quero que se me esqueza a receita, aquí a deixo recollida para o futuro porque penso facela moitas veces máis.

Imos aló coa receita porque está riquísima.

Ingredientes

  • Un puñado de ramilletes de coliflor
  • Un puñado de alcachofas xa peladas e cortadas
  • Un puñado de allos tenros
  • Un puñado de guisantes frescos
  • Un puñado de fabas tenras
  • Unha ñora
  • Dous tomates medianos
  • Dous tomates secos
  • Dous allos
  • Unha taza de arroz redondo
  • Dúas ou tres tazas de caldo de verduras
  • Unha ramiña de romeu (optativo)
  • Para facer o alioli poñer nunha batedora 50 ml de leite de soia e 100 de aceite de xirasol + 1 alliño

Elaboración

  1. En un vaso con auga quente deixar a remollo unha ñora. Noutro vaso tamén con auga quente deixar dous tomates secos a remollo.
  2. Mentres poñer un fonde aceite nunha tixola ampla para paella e dourar dous allos.
  3. Cando os allos estean dourados, agregar a ñora escoada e deixar dourar só uns 30 segundos. Retirar o allo e a ñora a un vaso de batedora.
  4. No aceite restante dourar a reladura de dous tomates. Logo agregar o tomate e un pouco do aceite ao vaso de batedora e trituar ben. Reservar.
  5. No aceite sobrante da tixola fretir as verduras en anacos pequeniños (como de bocado). Deixar para o final de todo os guisantes e as fabas. O resto pódese botar xunto ao inicio: coliflor, allos tenros, alcachofas.
  6. Retirar as verduras cando xa estean ben salteadas e reservar.
  7. Agregar a mestura que tiñamos reservada na batedora e cando estea quente, agregar unha taza de arroz para facerlle o nacarado (deixar que se toste un pouco e pasado 1 minutiño ou dous, agregar as verduras reservadas, o tomate seco en anacos e dúas tazas de caldo de verduras quente.
  8. Manter durante uns 18 minutos sen remover pero que estea sempre fervendo. Nos últimos minutos pódeselle poñer tapa á tixola para darlle o último pulo. Se se nos esgota moi rápido o clado, podeños ir engadindo de a poucos.
  9. Retirar do lume, agregar unha ramiña de tomeu e deixar que aromatice o arroz tapado uns minutiños e servir. Acompañar con alioli feito con un allo, 50 gr de leite de soia e 100 de aceite de xirasol.
Recomendacións
  • As alcachofas partilas en anaquiños moi pequenos de bocado e deixar en auga con limón mentres non as usamos para que non se poñan negras.
  • O arroz que sexa do tipo redondo ou similar. Non usar arroz brillante.
  • Se non hai guisante frescos podense usar de bote ou conxelados e agreganse ao final de todo. O mesmo para as fabiñas tenras.
Receita orixinal: receita contada en vivo en plena pandemia por videoconferencia pola miña amiga Ingrid de Delicisiomente Rural

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*