Quedei encantada co curso de cociña vegana que fixen na tenda lucense Bico de Grao hai unhas semanas. Alí o chef “Paco” ensinounos moitas cousas interesantes e sinxeliñas, como a min me gusta.
Unha das que máis me sorprendeu foi esta receita de peixe vegano ou “pescaíto frito” como lle chamou el. É extremadamente sinxela, resultona e sorprendente para todos os padais.
Cando a fixen na casa, algún flipou porque pensou que estaba a cociñar peixe de verdade despois de tantos anos sen facelo. Tiñades que ver a cara de sorpresa, pero é que de verdade ulía tanto a mar…
Aos puristas xa vos advirto que todo parecido co peixe animal é pura coincidencia. Non agardedes atopar neste prato a xugosidade dunha dourada ou o perfume dunha sardiña. Simplemente é unha alternativa sen sufrimento para degustar un prato de aire mariñeiro con moi bo sabor, lixeiro e con grandes propiedades a nivel nutricional (sobre todo polo seu alto contido en proteínas e fibra).
En Galicia temos un excelente produtor de algas que é Porto Muíños, onde podedes atopar esta alga nori e moitas outras.
Para explicar un pouco mellor como se fai esta receita, deixovos este pequeno vídeo explicativo. Agardo que vos sexa de utilidade.
Ingredientes
- Láminas de alga nori
- Cabaciña
- Sal
- Fariña de garabanzos
- Auga
- Aceite de xirasol para fritir
Elaboración
- Cortar a cabaciña en láminas finas.
- Botar sal por riba das láminas de cabaciña e enrolar nunha lámina de alga nori. Sellar ben para que non se desfaga o paquete.
- Preparar nun prato unha mestura densa de fariña de garabanzo e auga. Pasar o paquete de alga nori por esa mestura como se se tratase de ovo.
- Noutro prato colocar fariña de garabanzo e rebozar o paquete de alga nori nel ata que quede ben empanado.
- Fritir nunha tixola con aceite de xirasol uns 5 minutos ou ata que quede a fariña ben tostada.
- Escoar ben e deixar nun papel de cociña para quitar o exceso de aceite.
- Pódese acompañar cun toro de limón, maionesa ou veganesa e patacas cocidas.
- Para dar un toque de sabor a ovo, empregar sal Kala Namak.
- Son para comer no momento. Non quedan tan ricos de un día para outro.