Son unha fan total da pizza. Que invento tan sinxelo e que rico está. Para min as noites de sábado sen pizza, non son fin de semana :).
Por iso sempre ando á procura de receitas que melloren a base e esta é unha das que máis me gusta ata o de agora.
A masa pode parecer que queda moi pegañenta ou líquida pero de verdade que queda perfecta. O truco para facela como na imaxe é estendela cos dedos dende o centro despois do levado, deixando os bordes sen tocar. Está moi ben explicado no vídeo de youtube de “Las recetas de MJ“.
Unha das miñas pizzas favoritas é a clásica Margarita cun pouco de mozzarella fresca, tomatiño caseiro e alfábega por riba ao sair do forno. A foto de arriba corresponde a esta versión e a de abaixo, á versión que figura nesta receita.
O que é certo é que a masa queda blandengue antes de metela no forno polo que se ten maior tamaño que a pá que usas para volcala sobre a pedra… o desastre está asegurado. Para solucionalo, o que fixen foi estirar a masa sobre papel de forno e trasladala así ao forno. Dous minutos despois, xa está bastante cocida como para tirar polo papel e deixar a masa en contacto coa pedra para que lle dea ese puntiño cruxinte.
Despois de toda a parrafada, dentro receita.
Ingredientes
- 160 gr de auga
- 10 gr de levadura fresca de panadería
- 10 gr de mel
- 250 gr de fariña de forza
- 1 culler de postre de sal
- Unha bolsa de mozzarella relada
- 1/2 bote de tomate frito caseiro
- Aceitunas negras
- Ourego
Elaboración
- Poñer no vaso da Thermomix a auga, a levadura e o mel e quencer 2 minutos, a temperatura 37º e velocidade 2.
- Engadir a fariña e 1/2 culler de postre de sal e amasar en velocidade espiga 2 minutos.
- Deixar levedar durante 20 minutos nun lugar quentiño.
- Prequencer o forno a 250º.
- Estirar a masa coas mans (nada de usar o rolo de cociña) e ir ampliando en forma de círculo ou de rectángulo. Da para dúas pizzas pequenas ou unha grande. Debe quedar ben finiña pola parte central e un pouco máis grosa polo borde.
- Cubrir cun pouco de salsa de tomate caseira e un choro de aceite e ourego espolvorexado.
- Meter no forno durante uns 6 ou 7 minutos e logo sacar para agregar o resto de ingredientes.
- Agregar o queixo mozarella e as aceitunas e volver deixar no forno ata que derreta ben todo o queixo.
- Sacar e deixala sobre a pedra para que non perda calor mentres a degustamos e botarlle un pouco maís de ourego e aceite por riba. Servir cortando con tesoira.
- Esta é a base que máis nos gusta na casa porque queda fina e moi cruxinte, pero admite calquera outro tipo de cobertura como por exemplo: pera + queixo azul e mozarella; cabaciña e aceitunas con tomatiños; Heura con pementos, etc.
- Se lle queredes agregar unhas follas de alfábega, faceo ao saír do forno.
- Se ides usar mozarella fresca, tratade de escoala ben antes para que non empape a masa. Eu poñoa entre dous papeis de cociña.