Sobre min

Foto Noa

Son vexetariana dende 2011. Froito do meu cambio de alimentación tiven que adaptar vellas receitas e buscar outras novas. Comecei a almacenar esas novas receitas en carpetas e carpetas ata que un día pareceume máis práctico poñelas nun blog para poder buscalas máis facilmente e poder engadirlles videotitoriais, ligazóns, etc.

A idea era facer un blog pechado pero miña nai, que tamén tivo que aprender a facer receitas vexetarianas, díxome que sería máis útil se o deixaba aberto porque así ela podería ver tamén as receitas e compartilas con outras persoas con fillos vexetarianos. Axiña comezaron a saír voces que tamén querían ver as receitas: amigos que veñen a comer á casa, familiares que me preguntan “Qué che fago para cear?”, compañeiros do traballo que queren introducir máis verduras… e así ata un longo etcétera. Así foi como este blog rematou sendo público.

Na casa teño unha Thermomix 31 e nin que dicir ten que estou encantada con ela; por iso, moitas das receitas que veredes recopiladas neste blog son para se facer con este robot de cociña.

Así que, en resumidas contas, en Contidos Vexetais pretendo:

Recoller...
…todas as receitas vexetarianas que fago na miña casa para ir creando un recetario virtual. Non pretendo facer receitas orixinais nin innovadoras, simplemente recollo receitas da web, de amigos, de revistas que eu mesma probo a facer na casa antes de incorporalas a este recetario.
Compartir...
…con todos aqueles que o desexen o pouco que levo aprendido nestes anos de vexetarianismo.
Animar...
…a outras persoas a iniciarse na cociña facilitándolles o acceso á miña recopilación de receitas que están sempre testadas na casa antes de ser incorporadas ao blog.

Se tedes algunha dúbida, idea ou queredes contactar conmigo, podedes facelo dende a sección de contacto.

Quedades saudados.

Unha aperta.

Firma de Noa