O venres pasado asistín a un curso de iniciación á cociña vegana na ecotenda lucense “Bico de Grao“. Aínda que xa coñecía moitos dos produtos e das elaboracións, sempre se aprende algunha cousa nova e vinme debaixo da manga cunha receita de “pescaito frito” que publicarei en breve e que me deixou fascinada :).
O caso é que, co gallo do curso e dun curri que nos fixo o cociñeiro Paco, lembreime de que aínda non subira ao blog unha receita con esta especie, así que aproveitei este domingo de choiva para dedicarlle un anaquiño máis aos fogóns e facer un curri clásico con piña e leite de coco.
É moi moi pero que moi sinxelo de facer (iso vai por ti Jero 😉 ).
Se vos interesa asistir aos cursos de cociña vegana, aínda vai haber sesións cada venres do mes de marzo. Custan 10 € cada unha e non é preciso apuntarse a todas. Aquí tedes toda a información.
Ingredientes
- 250 gr de tempeh
- 140 gr de piña (unha lata pequena)
- 2 culleres sopeiras de curri en pó
- un chisco de pementa negra
- 400 ml de leite de coco (unha lata pequena)
- perexil para decorar
Elaboración
- Nunha tixola poñer unha ou dúas culleres de aceite de oliva e sofreír o tempeh cortado en cubos. Deixalo ben dourado por todas as caras. Retirar da tixola.
- Incorporar á tixola, a piña cortada en anacos e darlle un salteado rápido para que caramelice un pouco. Agregar o curri en pó, o leite de coco e o chisco de pementa. Mesturar todo ben.
- Cocer durante 6-7 minutos a lume medio alto revolvendo para que se unan ben todos os ingredientes.
- Incorporar o tempeh reservado e deixar no lume outros 5 minutos aproximadamente.
- Servir acompañado de arroz basmati cocido en branco e esparexer o perexil por riba.
- O arroz basmati pódese aromatir cocendoo en auga con allo machacado e un chisco de aceite.
- O tempeh pódese reemplazar por seitán ou mesmo por anacos de tofu firme.
- Para o meu gusto non lle fai falla, pero si se quere pódeselle engadir un chisco de sal.