Tortiñas ou pancakes


 Despois de proar estas tortiñas na casa da miña amiga Marta, que, sexa dito, cociña que da xenio vela, tiven que facelas eu na casa ou morría. Fáciles, rápidas e ideais para cando hai convidados aos que darlles o almorzo pola mañá.

Ingredientes

(12 tortiñas)

200 gr de fariña
1 sobre de levadura Royal
1/2 culler de postre de sal
50 gr de aceite de xirasol
30 gr de azucre
300 gr de leite
2 ovos
manteiga para pincelar a prancha
Aderezos para servir: nata montada, chocolate, caramelo, mel, froitas…

Elaboración

1) Poñer todos os ingredientes no vaso da Thermomix e mesturar 30 segundos a velocidade 5. Coa espátula baixar a masa cara ao fondo do vaso.

2) Mesturar de novo 30 segundos a velocidade 5.

3) Meter a mestura na neveira 10 minutos.

4) Mentres ir preparando a prancha. Pincelala cun pouco de manteiga.

5) Cando a prancha estea ben quente, coller un caciño e ir vertendo a masa facendo as tortiñas. Cando comecen a saírlle burbullas á masa, darlle a volta e deixar que se faga na prancha.

6) Servir co aderezo que máis preste por riba. Na foto púxenlle mel, prátano en toros finiños e noces picadas.

Notas

Tamén se poden facer na tixola.

Segundo o libro da Thermo, cada tortila ten unhas 140 calorías, así que máis vale termar e comelas só de cando en cando. 

Fonte

Receita orixinal: Libro en papel Imprescindible Thermomix 31

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*