A miña avoa Magdalena tiña tres elaboracións caseiras que me levaban a vida: os filetes empanados con patacas e pemento, a sopa e as croquetas. Penso que me podería ter alimentado desdas tres cousas toda a vida, porque, por sinxelas que parezan, tiñan o seu toque e sabían como ningunha outra no mundo.
Morreu con máis de 90 anos e cando xa ía maiorciña un día decateime de que necesitaría a súa receita se quería seguir saboreando as súas croquetas. Así que, xunteime con ela na cociña e como puiden fun medindo cantidades, e tomando nota de todos os procesos. Non foi fácil porque claro, ela facía todo a ollo e con esa clásica frase de avoa de: “xa a masa che vai pedindo”.
Así que como a min as masas nunca nada me pediron, conseguín anotar ben a receita e inmortalizala para a posteridade e hoxe compartoa aquí con vós.
Ela facías recheas de xamón ou de restos de carne fresca que lle sobraba de facer a sopa. Para a miña adaptación vexetariana, eu usei Heura especiado.
Facía tempo que un sabor non me transportaba deste xeito á infancia. Agardo que vos guste a receita e logredes as mellores croquetas de todo o universo.
Dentro receita!
Ingredientes
- 80 gr de fariña
- 1/2 L de leite
- 1 pocillo de aceite
- 50 gr de manteiga
- 1/2 cebola
- Noz moscada
- Recheo ao gusto (eu púxenlle Heura)
Elaboración
- Poñer o aceite a manteiga nunha tixola e dourar a cebola.
- Engadir o recheo e agregar a fariña.
- Remexer uns minutos para que quede ben douradiña a fariña.
- Engadir o leite quente para que ligue, agregarlle a noz moscada e remexer ata que espese (uns 3 a 5 minutos).
- Poñer toda a mestura nun recipiendo mollado de antemán e cubrir a mestura aínda quente cun film. Deixar repousar e gardar na neveira ata que enfríe. Unha vez frío, facer as croquetas e empanar polo procedemento habitual que máis che guste e fritir nunha tixola con abundante aceite.
- Heura é unha proteína de orixe vexetal que imita o sabor e textura do polo pero podedes empregar calquera tipo de recheo.
- A min gustame empanalas pasandoas primeiro por fariña, logo por ovo e finalmente polo pan relado.
- Para que non abran cando as esteas a freir, tenas un pouco a temperatura ambiente antes de freílas.