Crudi tarta de chocolate

Mosaico cruditarta

Aló vai xa San Valentín 2016. Cando chega esta data sempre escoito a mesma pregunta: Vós sodes de celebrar San Valentín ou non? (entendendo que celebrar é igual a regalar).

A verdade é que me fascina como as grandes empresas nos seguen poñendo guías para indicarnos que camiño debemos seguir: ou vivimos a tope a festividade ou estamos radicalmente en contra.

E digo eu… Dende cando celebrar é igual a regalar exclusivamente?

Porqué non aproveitar o inevitable para darlle unha volta?

Na nosa casa hai xa anos que decidimos non mercar agasallos en Nadal. San Valentín é outra das celebracións que vai no pack “anti-agasallos”. Moita xente coa que falo sorpréndese cando lle digo que non nos agasallamos e queda aí a cousa. Non preguntan máis. Se o fixesen podería contarlles o que hoxe quero compartir aquí: que celebrar non é igual a agasallar.

En Reis o que facemos é elaborar o roscón xuntos na casa e creamos novas tradicións como dar un paseo todos xuntos polo monte. Pasamos un bo anaco, compartimos e botamos unhas risas… Como é que se nos está esquecendo que compartir tempo en troques de cousas materiais é moi gratificante?

Por San Valentín o que facemos é preparar para o almorzo algún doce especial poñéndolle algún detalle tontorrón ;). Usamos ou reutilizamos cousas que xa temos, como as servilletas vermellas da cea de Nadal ou os globos con corazón que mercamos para ir á carreira de San Silvestre; pintamos corazóns nas pizarras da casa, dedicámonos palabras que saen do corazón e preparamos algún zume rico. Arranxamos un pouco máis a mesa para o almorzo, poñemos algo de música como o “Love me tender” de Norah Jones e prendemos unha vela (especialmente hoxe que había treboada e o ceo estaba moi cuberto).

Cero gasto (o gasto dos ingredientes non é tal porque… algo habería que almorzar de todos xeitos, non?).

Dedicamos tempo e esforzo persoal para compartir algo co outro valorándonos polo que somos e non polo que somos capaces de mercar.

Aproveitamos o que a sociedade nos marca para ter un motivo máis para celebrar a sorte de ter alguén co que compartir andadura nesta vida, pero non o facemos ao estilo do que as grandes marcas nos queren impor. Facemos nosa a oportunidade de poñer un pouco de conciencia plena á voráxine do día a día, sentíndonos presentes, baixando o ritmo e sende a nosa versión máis auténtica.

Di o slogan que “un diamante é para sempre”. Eu máis ben diría que “unha vivencia si que é para sempre e ao diamante que lle dean polo saco” .

Cóntovos todo isto porque o caso da miña familia non é especial. Cambiar o chip e deixar de xirar ao compás do consumo polo consumo está ao alcance de calquera. Non somos grandes reposteiros e temos bastante pouco gusto para as cousas decorativas. Calquera dos que estades lendo este post podedes facer o mesmo; non, de feito estou segura de que o podedes facer moito mellor.

Así que para o próximo ano, lembrade que non só hai dúas opcións para San Valentín: mercar ou pasar, senón que existe unha terceira: compartir e volverse namorar.

E feita a explicación, aquí vos deixo a receita que fixen para a nosa celebración caseira. Nin que dicir teño que estaba absolutamente deliciosa.

Crudi tarta de chocolate

Ingredientes

Para a base

  • 2 tazas de avea moída
  • 3 culleres sopeiras de aceite de oliva
  • 3 culleres sopeiras de sirope de ágave
  • un chisco de sal
  • 30 gramos de noces
  • 50 gr de dátiles
  • 45 gr de aceite de coco

Para o recheo

  • 2 aguacates
  • 1 taza e media de cacao en pó (sen azucarar)
  • 80 gr de aceite de coco derretido
  • 3/4 de taza de sirope de ágave
  • 1 culler de postre de vainilla
  • 1 chisco de sal

Elaboración

Para a base

  1. Prequencer o forno a 200 graos.
  2. Mesturar nun bol a avea moída co sirope de ágave e o chisco de sal.
  3. Cando estea ben integrado, engadir o aceite de oliva. Amasar ata que quede todo en grumos.
  4. Meter no forno durante 5 minutos. Abrir e remexer e deixar outros 5 minutos ou ata que colla cor dourada.
  5. Sacar e mesturar na Thermomix cos dátiles e o aceite de coco derretido durante aproximadamente 1 minuto a velocidade 8.
  6. Reservar.

Para o recheo

  1. No vaso da Thermomix agregar os dous aguacates sen pela e triturar 30 segundos velocidade 8.
  2. Agregar o cacao, o sirope, a vainilla e un chisco de sal e volver mesturar durante 1 minuto a velocidade progresiva 5-10.
  3. Agregar o aceite de coco derretido e mesturar de novo 1 minuto a velocidade progresiva 5-10.
  4. Para montar a tarta, forrar a base dun molde duns 20 cm de ancho e cubrir coa mestura reservada para a base. Aplastala e nivelala coas mans un pouco humedecidas para que non se pegue. Sobre esta base, verquer o recheo e nivelalo.
  5. Gardar na neveira durante unha hora ante de servir.
[box type=”tick” icon=”none”]
  • Esta receita usa o recheo que fai Lala Kitchen pero cunha base diferente que argallei despois de mesturar ideas de receitas diferentes. A min persoalmente gústame máis polo cruxinte que queda. Técnicamente se vai ao forno a base non sería unha tarta cruda se nos poñemos puntillosos :).
  • Sen variar nada a receita, tamén se poden engadir anacos de froitas no recheo coma por exemplo moras ou framboesas. So hai que engadirlla no momento de verquer a masa sobre a base.
  • Pódese conxelar. Sen conxelar consérvase 4 días na neveira.
  • Eu púxenlle por riba framboesas liofilizadas en plan detalle “romanticón” :).
  • [/box]
[box type=”info”]Receita orixinal da que tomei a idea: Lala Kitchen[/box]

Un comentario

  1. Pingback: Cruditarta de mango e chocolate - Contidos Vexetais

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*