Fai tempo na casa estiveramos a facer probas con receitas en taza no microondas pero non nos gustara nada de nada o resultado. Pero vimos de descobrer a páxina de Gemma Stafford que é unha auténtica gozada. Todas as súas receitas de microondas son fantásticas, saen á primeira e teñen un sabor e presentación espectaculares.
Esta granola para o almorzo, xunto cun brownie que se fai nun minuto son as dúas primeiras receitas que probei do seu blog e non puiden quedar máis contesta.
Aquí vos comparto a receita por se queredes facer a proba e saír da incredulidade con esta espectacular granola en microondas. Resultado de 10.
Ingredientes
- 1 culler sopeira de sirope de ágave ou mel
- 2 culleres de postre de auga
- 2 culleres de postre de aceite de xirasol ou de coco
- Un chisco de sal
- 5 culleres sopeiras de copos de avea
- 1 culler sopeira de froitos secos (noces, pecanas, cacahuetes, etc)
- 1 culler sopeira de coco relado
Elaboración
- Nunha taza apta para microondas mesturar todos os ingredientes agás o coco relado.
- Meter no microondas durante 1 minuto e 30 segundos, retiralo, remexelo e volver metelo outro minuto e medio.
- Volcalo nun plato e deixalo repousar para que os copos queden cruxintes.
- Servir cun iogur natural de soia e froita fresca e o coco relado.
Recomendacións
- O meu micro ten 800 W de potencia máxima.
- Podese facer con calquera froito seco.
- Ao sair do micro, remexer ben os copos para qeu queden soltos e non se peguen uns aos outros.
Pingback: Cruditarta de mango e chocolate - Contidos Vexetais