Imos ver se son capaz de comezar a publicar de novo agora que xa rematei as vacacións de verán e estou de novo afacéndome á rutina do día a día.
Para ir rompendo o xeo, traio hoxe unha receita moi sinxela que emprego ás veces para cear cando non teño outra cousa por ahí a man: polenta á taboa.
A polenta á táboa é un prato de orixe italiano que consistía en facer unha masa de polenta pouco sólida (un pouqiño máis líquida que un puré de patacas) e estendela sobre unha táboa de madeira colocándolle estofado ou carne picada por riba para que todos comesen. Se queredes coñecer un pouco máis da historia desde prato, neste vídeo contan todos os detalles e podedes ver cómo é a elaboración.
Os tempos que vos poño para que se faga a soia texturizada son orientativos pero teño que dicir que, algúns días que tiña moita presa e fame, remollei a soia só 5 minutos e cocina outros 5 e quedou estupendísima igualmente :). Así que, mellor facer as cousas ben, pero se tedes moita presa, probade a acurtar os tempos e veredes que o resultado é tamén moi bo.
Pois aló vai. Dentro receita.
Ingredientes
- 250 gr de polenta instantánea precocida
- 700 ml de auga
- 1 culler sopeira de manteiga/aceite ou margarina
- Sal
- Noz moscada
- 250 gr de soia texturizada fina
- 250 gr de salsa de tomate caseira
Elaboración
- Colocar nun bol a soia texturizada e cubrila con auga moi quente ou caldo de verduras. Deixala repousar durante 15 minutos. Pasado ese tempo, escoar ben a soia.
- Nunha tixola poñer un par de culleradas de aceite e cando estea ben quente volcar a soia texturizada previamente escoada e saltear un par de minutos a lume forte.
- Seguidamente, agregar a salsa de tomate caseira e baixar a lume lento. Deixar durante uns 10 minutiños (ou mentres imos elaborando a polenta).
- Mentres se vai facendo a soia, poñer auga a ferver nunha pota cunha culler de manteiga e unha culler de postre de sal. Cando ferva, agregar a polenta en forma de choiva e remexer sen parar. Agregarlle a noz moscada e continuar remexendo ata que quede a consistencia un pouco máis líquida que un puré de patacas.
- Colocar unha capa de polenta e por riba poñerlle a soia. Espolvorezar se se quere con parmesano vegano.
- É moi importante que a salsa de tomate sexa caseira e non da de Solís, porque ten que ter bastante compoñente de auga e non ser moi densa para que a soia a absorva ben.
- Un toque de ourego seco por riba tamén lle vai esupendo a esta receita.
- Pódese facer tamén coa polenta integral e co grao de soia groso pero queda un pouco máis embrutecida.