Últimamente están moi de moda en internet os “Buddha Bowls”, que non son máis que un montón de ingredientes bastante sanotes metidos nun bol ata rebosar, simulando a prominente barriga dun Buda.
O certo é a pesar de que moitas veces empregan verduras moi normaliñas, o modo de presentalas fai que teñan un plus e me apeteza máis comelas. Así que hoxe fixen unha adaptación dunha receita de Danza de Fogones usando o que tiña pola casa.
Gustou moito e resultou ser unha comida bastante saciante e que deixa boa sensación no bandullo durante boa parte da tarde.
Ingredientes
- 2 patacas medianas
- 1 aguacate
- 1 tomate
- 250 gr de quinoa
- un bote de fabas cocidas
- 1 bolsa de espinacas
- 4 culleres sopeiras de tahini
- 2 culleres sopeiras de zume de limón
- 1 culler sopeira de salsa de soia
- 1 culler sopeira de azucre moreno
- 4 culleres sopeiras de auga
Elaboración
- Preparar o forno e cociñar as patacas ao estilo Deluxe.
- Nunha pota poñer a cocer a quinoa (unha taza) con 500 ml de auga (dúas tazas), agregar un pouco de salsa de soia e cocer durante uns 15 minutos ou ata que se evapore a auga e quede a quinoa ao dente.
- Mentres se coce a quinoa e as patacas, picas o tomate en tacos, pelar o aguacate e trocealo.
- Nun bol colocar as espinacas e colocar enriba delas o tomate e o aguacate troceados. Agregar as fabas cocidas.
- Escoar a quinoa e agregala xunto coas patacas ao bol.
- Finalmente mesturar nun recipiente o tahini, o zume de limón, a salsa de soia, o azucre e a auga, e verter por riba de todo o que temos no bol.
- En troques de patacas pódese empregar boniato.
- As fabas poden ser tamén pintas ou incluso azuki.
- Pódese servir tanto tépedo como frío.