Este verán estiven a facer algunhas probas de repostería pero como facía calor decanteime por cousas crudiveganas ou que case non requerisen de forno.
E de tanto probar, cheguei á que sen dúbida é a miña combinación preferida: capa de mango, capa de sabor chocolate e base cruxinte. En realidade cada capa está sacada dunha receita diferente. Tomei a receita orixinal de Megasilvita e cambieille o recheo polo de Lalakitchen para poñer todo sobre unha base que tiña nunha receita miña antiga. Vamos, un mix en toda regra.
O resultado é o que comparto hoxe no blog e que algúns xa vichedes no verán polo meu Instagram. Agardo que vos preste a combinación.
Tamén nun intento por atopar a decoración máis vistosa, din con varias ideas que vos deixo en foto ao final desta entrada, pero que de xeito resumido son:
– arandos conxeados con iogur. Nun iogur de soia, agregar arandos; cun tenedor escoalos e poñelos sobre papel de forno. Levalos ao conxelador e listos para usar cando os precises.
– flores comestibles. Merquei as sementes en Planeta Huerto.
– granola caseira de microondas.
– “perlas ou caviar” de fresa. Hai moito videos por internet, pero este está ben explicadiño. Básicamente hai que mesturar as fresas feitas puré cun pouco de azucre ou sirope ao gusto, quencer todo con agar-agar e poñer nunha xeringa. Logo sobre un vaso alto con aceite de xirasol ben frío, imos facendo gotiñas que logo enxugaremos en auga fría. Podese facer de calquera outra cousa, como podedes ver neste outro vídeo.
– pistachos e tiras de coco tostadas.
– améndoas e ramas de herba luisa.
Os tarriños que veredes nas fotos do pé de artigo son de Ingrid de Deliciosamente Rural. En serio, calquera cousa que un faga, posta nos seus tarros queda “divina de la muerte”.
Ingredientes
Para a base da tarta
- 2 tazas de avea moída
- 3 culleres sopeiras de aceite de oliva
- 3 culleres sopeiras de sirope de ágave
- un chisco de sal
- 30 gramos de noces
- 50 gr de dátiles
- 45 gr de aceite de coco
Para o recheo de choco
- 2 aguacates
- 1 taza e media de cacao en pó (sen azucarar)
- 80 gr de aceite de coco derretido
- 3/4 de taza de sirope de ágave
- 1 culler de postre de vainilla
- 1 chisco de sal
Para o recheo de mango
- 400 gr de mango
- 100 gr de leite de coco en lata
- 3 gr de agar-agar en pó
Elaboración
-
Fase 1
- Prequencer o forno a 200 graos.
- Mesturar nun bol a avea moída co sirope de ágave e o chisco de sal.
- Cando estea ben integrado, engadir o aceite de oliva. Amasar ata que quede todo en grumos.
- Meter no forno durante 5 minutos. Abrir e remexer e deixar outros 5 minutos ou ata que colla cor dourada.
- Sacar e mesturar na Thermomix cos dátiles, as noces e o aceite de coco derretido durante aproximadamente 1 minuto a velocidade 8.
- Con esta mestura forrar a base dun molde de 20 cm de diámetro aproximadamente. Aplastar ben e reservar na neveira.
- No vaso da Thermomix agregar os dous aguacates sen pela e triturar 30 segundos velocidade 8.
- Agregar o cacao, o sirope, a vainilla e un chisco de sal e volver mesturar durante 1 minuto a velocidade progresiva 5-10.
- Agregar o aceite de coco derretido e mesturar de novo 1 minuto a velocidade progresiva 5-10.
- Sacar da neveira o molde e agregar sobre a base de avea a capa de cacao. Nivelar e reservar de novo na neveira.
- Na Thermomix, triturar ben o mango e reservar.
- Nun cazo poñer ao lume o leite de coco e o agar-agar. Deixar que ferva uns 3-4 minutos a lume baixo removendo constantemente.
- Retirar do lume, deixar atemperar e agregalo ao mango que temos na Thermomix. Mesturar todo ben.
- Por último, agregar esta capa de mango ao molde que tiñamos reservado na neveira e nivelar.
- Deixamos que repouse na neveira unhas 6 horas (ou dun día para outro) e lista para decorar con fresas partidas á metade, coco relado e pistachos.
Fase 2
Fase 3
- Pódese conxelar perfectamente, só hai que sacala unha media hora antes de servila.
- A cobertura superior podese cambiar por calquera outra froita como a fresa, o kiwi, etc, pero nese caso erá preciso agregar un chisco de sirope de ágave.
- Usar un molde desmontable de 20 cm e quedará exacto.